O aparello dixestivo é un tubo longo, con importantes glándulas asociadas. A súa función é a transformación das grandes e complexas moléculas dos alimentos en substancias sinxelas e doadamente utilizables polo organismo. Dende a boca até o ano, o tubo dixestivo mide uns once metros de lonxitude.
Na boca xa comeza propiamente a dixestión. Os dentes trituran de xeito mecánico os alimentos, e as secrecións das glándulas salivares achegan líquidos e substancias que inician a súa descomposición química; a saliva contén enzimas que inician a hidrólise dos alimentos. Despois, o bolo alimenticio atravesa a farinxe, continúa baixando polo esófago e chega até o estómago, que é unha bolsa muscular cun volume dun litro e medio. En condicións normais, a mucosa do estómago segrega un potente zume gástrico, e o alimento convértese nunha pasta viscosa chamada quimo.[2]
Na saída do estómago, o tubo dixestivo alongase no intestino delgado, duns cinco metros de longo, aínda que moi enrolado sobre si mesmo. Na súa primeira porción, o duodeno, recibe as secrecións das glándulas intestinais, a bile e os zumes do páncreas. Todas estas secrecións conteñen unha gran cantidade de enzimas que degradan os alimentos e os converten en substancias sinxelas solubles.
O tubo dixestivo continúa coa parte chamada intestino groso, que mide un pouco máis de metro e medio de lonxitude. A súa porción final é o recto, que remata no ano, por onde se evacúan ó exterior os restos non absorbidos dos alimentos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polos teus comentarios e aportacións.