24 de set. de 2016

Donald no país das matemáticas

Ola!
Benvidas e benvidos ao noso recuncho matemático, 
onde iremos publicando os nosos traballos diarios e será a nosa guía 
por esta viaxe de exploración no universo das MATEMÁTICAS.



Empezaremos a nosa aventura visionando un curto de debuxos animados.
Todas e todos coñecemos ao pato Donald...


Le!


Donald introdúcese como un intrépido explorador no país das Matemáxicas, no que contempla sorprendido árbores coas raíces cadradas, un río de números, un estraño animal con corpo de lapis que o reta a unha partida de tres en raia, tres figuras xeométricas (círculo, rectángulo e triángulo) que se xuntan para formar un rostro, e ese rostro empeza a recitar os díxitos do número pi...


Despois, guiado polo narrador, o pato Donald viaxa á antiga Grecia para coñecer aos Pitagóricos, creadores da escala musical, e aprende as proporcións que se atopan na estrela de cinco puntas, proporcións que conducen ao número áureo e ao rectángulo perfecto

 Tanto o pentagrama ou estrela de cinco puntas como a proporción áurea atópase en moitos lugares da natureza e foi empregado polos artistas, arquitectos, escultores, pintores, nas súas obras máis famosas.

O pato Donald tamén descobre o emprego da lóxica matemática no xadrez, e a presenza das matemáticas e da xeometría nos xogos e deportes


Así descobre o billar, na súa modalidade de carambola a tres bandas, e o narrador ensínalle como calcular o modo de obter carambolas sinxelas usando as marcas que aparecen nos bordos da mesa de billar e sumando e restando números e fraccións simples.


Por último o curto ensínanos a utilizar a imaxinación, ese poder da nosa mente mediante o cal podemos ver as figuras xeométricas, a esfera, o cono, o paraboloide, o cilindro... que logo terán aplicación na óptica, enxeñería, mecánica, astronomía... Esa mesma imaxinación axudaranos a ir abrindo as infinitas portas do coñecemento que aínda nos quedan por abrir.






Sobre o curto:


1.- Que che pareceu o curto?
2.- Que aspectos relacionados coas matemáticas atopaches?
3.- Que che chamou máis a atención? Cambiarias algo? Por que?


4.- Nesta fantástica viaxe ao País das Matemáticas, que aspectos das
matemáticas aparecen?. Coméntao brevemente.


Referencias presentes na película


Ao longo da película fanse diferentes referencias a persoas, acontecementos ou lugares reais. 
Trata de recompilar algunha información adicional acerca dos seguintes aspectos:


1.- Pitágoras, os pitagóricos e a música 
2.- O Número de Ouro
3.- O rectángulo áureo na Natureza 
4.- As Matemáticas nos xogos
5.- A idea do infinito na mente


1.- Achega do Número de Ouro.



Hai múltiples formas de achegar aos nenos e nenas ao número de ouro, navegar por Internet e facer unha procura sobre el ou exporlles aspectos de observación para que aumenten os seus coñecementos sobre o mesmo.
Capacidade de observación: Como exercicio de observación propoñemos que nos fixemos en todo o que nos rodea e, comprobemos, que o número áureo impregna a nosa visión. Se algo nos chama a atención pola súa beleza, tal vez o número de ouro estea na fonte de deseño.

2.- As Matemáticas nos xogos.



Dende o xogo do xadrez, coñecer e investigar a súa historia e invención ata achegar aos nenos e nenas a múltiples cuestións matemáticas como:

- Cales son as medidas dun campo de fútbol? que figuras xeométricas aparecen?
- Cales son as medidas dun campo de baloncesto? que figuras xeométricas aparecen?
- Cales son as medidas dun campo de rugby? que figuras xeométricas aparecen?
- Como se xoga ao billar a tres bandas? Cales son os cálculos que hai que facer para dirixir a bóla cara a onde creamos necesario?

3.- A idea do infinito.


Introducir aos nenos e nenas a idea do infinito, o inmedible, o que xamais chegamos a tocar,  é moi importante nestas idades. 
Con só expor cantos números naturais existen ou poden contar, xa aparece o significado de infinitos números. Se agora lles engadimos que conten todos os números pares, e posteriormente que conten os números impares, chegaremos a moitas e variadas conclusións con eles. 
Pódese introducir o símbolo de infinito, como un aspecto máis de representación simbólica matemática, coma os demáis símbolos: a suma, a resta, etc.
Tamén se poden construír sucesións aritméticas ou xeométricas infinitas e tentar calcular os seus termos xerais ou as súas sumas.


Opinións acerca do curto 
(nenas e nenos doutros colexios que xa viron o curto)
Pronto colgaremos no blogue as propias nosas.

- Case todo o mundo pode aprender, non só os estudantes, isto demóstrao o pato Donald, que tamén aprende, e que ningunha persoa ten as portas pechadas para aprender as matemáticas, os seus símbolos e significados.
- Outra cousa que eu tamén opino é que se as matemáticas se ensinaran así desta maneira e non con tantas contas a xente afeccionaríase máis á materia e mesmo se comprendería mellor.
- Interesoume especialmente a parte na que se mostraban exemplos da proporción áurea na natureza e a arte. É fascinante o que as matemáticas estean presentes en xogos tan comúns como o billar e non nos deamos conta diso.
- O que máis me impresionou foi como na historia os grandes matemáticos foron descubrindo aos poucos as matemáticas. Gustoume moito a forma divertida de ensinar algo máis da infinidade de cousas que son as matemáticas.
- O que máis me gustou e non tiña idea de nada era do xogo do billar, xa que non sabía eses cálculos tan divertidos só para que dea tres golpes nas paredes e logo á bóla. Gustoume moito!
E agora? 
Empezemos polo principio.
Os NÚMEROS NATURAIS.



(Pica sobre a imaxe e comenza a practicar)


3 comentarios:

  1. hola Sandra son Lola saavedra e queria saber se vas a publicar o enigma que estabamos facendo na clase

    ResponderEliminar
  2. Anónimo3/17/2017

    hola sandra son Lola Saavedra (outra vez) e creo que xa sei a resposta.
    Primeiro cheo a garrafa de 3 litros e a boto na de cinco litros e agora quedanme 2 litros e hceo a mitade

    ResponderEliminar
  3. hola sandra son Lola Saavedra (outra vez) e creo que xa sei a resposta.
    primeiro se chea ata arriba a de 3 litros e logo a boto na de 5 litros, boto fora os 5 litros da garrafa de 5 e me queda 1 litro na de 3 o boto a de 5 volvo a chear a de 3 e os tres litros os meto na de 5 .

    ResponderEliminar

Grazas polos teus comentarios e aportacións.